A primeira recomendación que vos fago é a de ir ver " O Primeiro Picasso" que estará ata o 24 de Maio na Coruña.
É unha exposición que se fai para conmemorar a primeira exposición deste artista na cidade herculina. A exposición está no Museo de Belas Artes e cabe destacar que a entrada é de balde. Se podedes ir, non o dubidedes!
A mostra componse de máis de 200 pezas, 81 delas realizadas polo propio artista, e divididas en nove seccións, que nos permitirán afondar no coñecemento do período coruñés de Picasso. A través de pinturas, debuxos, documentos e fotografías, mergullarémonos na súa historia familiar, na relación que mantivo con artistas contemporáneos galegos ou as influencias recibidas por mestres como Isidoro Brocos. Poderemos ver tamén a devoción que xa de neno mostraba por pintar motivos paisaxísticos e animais, ou como comezaba a agudizarse a súa capacidade crítica e irónica, plasmada en xornais que el mesmo realizaba, como Azul y Blanco. Os asistentes tamén poderemos apreciar como era a Coruña da época a través do seu ollo fotográfico. Na nosa cidade o neno Pablo Ruíz inicia o proceso de convertirse en Picasso, ou en palabras de Malén Gual, comisaria da exposición e conservadora da colección do Museo Picasso de Barcelona, “Picasso entra na Coruña sendo neno e sae sendo pintor”
